Powered By Blogger

A INVESTIGACION COMA VALOR

Nun momento de crise, é a investigación en Galicia ¿luxo ou necesidade?
Carolina Varela Rodríguez, Anselmo Felipe Colado

Unha das cousas máis difíciles e probablemente unha das máis inxustas hoxe en día é o darlle un valor económico ó coñecemento, e polo tanto á creación de coñecemento novo, ou noutras verbas á investigación. Nas diferentes disciplinas académicas atópanse motivos diversos pra “xustificar” a necesidade de investir en investigación, especialmente en investigación básica, ó cabo unha inversión en creación de coñecemento. Nembargantes, unha análise realista mostra que non son necesarias as xustificacións de ningún tipo xa que a investigación é un valor lucrativo e interesante para empresas, centros académicos, para á sociedade e os países en xeral.

Por que polo tanto sentimos os investigadores esta necesidade de xustificación? A resposta é clara, porque a investigación non está valorada, de feito moitas veces vese como un capricho, uns estudos avanzados, mesmo unha excentricidade ate conseguir un traballo de verdade. Sirva pra ilustrar este feito que ate hai moi poucos anos as becas predoutorais non cotizaban como traballo, cando na peor das comparacións son contratos en prácticas, senón que eran axudas ó estudo. De feito, comentarios que se escoitan con frecuencia cando un decide adicarse a esta profesión son do tipo “pobriño, é que ten vocación!” noutros casos “Mira ti que podendo ser médico!” ou “pois mentres atopa un traballo vai sacando a tese”…

A valoración máis evidente e probablemente a máis positiva que a sociedade ven facendo dos traballadores da ciencia é a de traballadores “vocacionais”, máis aínda “heroicos ou sacrificados traballadores vocacionais”. “Os científicos temos vocación”, e con isto parece poder xustificarse absolutamente todo, o abuso dós bolseiros, os contratos de doutores como licenciados superiores e non como doutores, as horas extras sen cobrar, as fines de semana no laboratorio porque temos un “deadline” importante que non podemos perder, os salarios moi por baixo do nivel de formación dos investigadores, a inestabilidade laboral, o estres, a carencia de vida privada e a completa ausencia de conciliación familiar.

E o sistema perpetúase dende dentro porque se da por suposto que xa como bolseiro predoutoral ou mesmo coma técnico de laboratorio (que nin tan sequera obtén titulo ningún despois de traballar nun laboratorio) tes que facer sacrificios, sacrificios que serían claramente reprobados nunha empresa que llos esixise abertamente ós seus traballadores, e irregularidades tan serias coma ter a xente traballando sen contrato ou pagándolles coma material funxible. Coñecimos unha técnico de laboratorio que con moito humor acostumaba a dicir cando coñecía a alguén novo “Ola, o meu nome é M. e son un lapiseiro”.

Ate o punto que pese a facer un traballo en investigación similar ás tarefas que poida desenrolar un traballador en prácticas de calquera empresa, isto é adicando unha parte do seu tempo á formación e outra ó traballo propiamente dito, os doutorandos nun 50,4% dos casos segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE) usa os seus aforros propios ou salario doutro traballo ou outros medios pra poder facer o seu doutoramento. Isto é un dos comezos da estraña consideración que os investigadores temos como traballadores. Como di un amigo común “nunca digas que gostas do que fas no traballo que aínda che han querer cobrar por facelo”.

Cando a vocación non é senón unha inclinación moi fonda dunha persoa cara a unha determinada actividade ou modo de vida. Librémonos polo tanto do mito da “vocación” como sacrificio, algo imprescindíbel na figura que a xente ten do investigador científico. Porque esixir implicitamente sacrificios ós traballadores é inxusto por moito que deste sacrificio obteña o traballador da ciencia un artigo co seu nome que é bo para o seu curriculum.

Si, temos vocación de investigadores e seguímola porque puidemos facelo. Pero isto é o máis irónico que ten Galicia e España en xeral, temos axudas máis ou menos axeitadas para seguir unha carreira científica, temos os medios e os ánimos e cando somos traballadores altamente especializados e produtivos seguindo a nosa vocación, non temos onde voltar e temos que saír de Galicia e non retornar. Temos o material pra deixar a nosa marca no mundo científico pero non aportamos o biótopo adecuado para que as mentes fagan progresar a ciencia, perdéndonos os froitos científicos e económicos derivados da inversión nestas mentes.

E disto quixeramos facer outra reflexión porque se nos ten vendido unha imaxe do “investigador solitario” que loita contra todos e logra demostrar ó mundo as súas hipóteses. Se cadra en España o mellor exemplo deste mito urbano é a figura de Santiago Ramón y Cajal, ou polo menos a que mellor coñecemos nos. Santiago Ramón y Cajal non foi en ningún momento un investigador solitario aínda que si que é certo que durante moito tempo só tivo a axuda da súa familia e amigos tanto moral como económica. Sen embargo e para poder continuar coa súa carreira investigadora ocupou diversas cátedras, aínda que tivera que poñer diñeiro de seu para mercar un microscopio. Iso si, toda vez que lle concederon o premio Nobel o diñeiro fluíu e creouse o Instituto de Investigacións Biolóxicas de Madrid.

En calquera caso a lectura que se pode facer de Ramón y Cajal é moito menos romántica que a que se nos deu a entender ós interesados pola ciencia, se cadra foi nalgún momento solitario pero por necesidade, non porque sexa a condición ideal do científico e preocupouse moi moito de ter relacións internacionais pra discutires as súas ideas. Mentres que ó investigador pre e posdoutoral en España en xeral só acude ós congresos internacionais para presentar resultados, cando a beleza destas convencións é o intercambio de ideas coa xente diversa que acude. Foi un exemplo da vida do investigador español pero polo inxusto da situación. Lamentablemente moitos dos que estamos en ciencia, se cadra persuadidos pola figura do grande mestre da neurociencia, nunca chegaremos a premio nobel pero non por iso é menos nobel a nosa carreira e o noso esforzo, non son menos os nosos sacrificios.

Outro dos problemas aos que se enfronta un traballador da ciencia é a incapacidade do sistema actual pra asimilalo. Así, no mesmo informe do INE (2) obsérvase que a 31 de decembro de 2009 o 96,1% dos doutores tiña traballo, o 42,7% na Ensinanza Superior, o 38,4% na Administración Pública, e só 15,1% deles traballaba en Empresas e o 3,8% en Institucións Privadas sen ánimo de lucro. É dicir nun momento histórico no que temos o maior número de xente que pode acceder á universidade e facer un doutorado o sistema leva acollido sistematicamente ao 81,1% dos doutores/investigadores. Resulta bastante lóxico pensar que non pode seguir este ratio de acollida no Sistema Público, e moito menos có inmobilismo existente e a xubilación dos catedráticos non xa ós 65 anos senón ós 70. Pero este feito real non xustifica o estado de desvalemento que sufrimos os investigadores que voltamos ou máis ben queremos voltar a España e a Galicia. Xa que como autonomía Galicia (e España como estado) non favorecen nin potencian suficientemente o redireccionamento deste capital intelectual a empresas galegas (españolas) ou con intereses en Galicia (España). Así, como xa dixemos, traballadores da ciencia altamente especializados e que cando menos nun 50% dos casos teñen unha educación-formación financiada polo estado, marchan ou non voltan a Galicia (España). Esta política é claramente desastrosa para ó pais xa que a inversión de formación faise e logo non se aproveita ó traballador especializado, non producíndose o retorno da inversión.

O que si se permite sen maior problema é que un 40,3% dos doutores ocupen (a 31 de decembro de 2009 segundo o INE) un posto de traballo cun nivel mínimo de estudos de licenciado, non doutor. E así se perpetúa cara abaixo o desaxuste do sistema laboral, os licenciados traballan nos postos dos diplomados e os diplomados nos postos dos técnicos.

Outra característica bastante evidente entre os traballadores da ciencia é a falta de vontade de traballar por conta propia, inculcada dende a nenez. A meta dun doutor xeralmente é ser profesor titular de universidade ou investigador do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) ou en calquera outro centro de investigación público, é dicir ter “unha praza en propiedade”. Probablemente na maior parte dos casos é por unha malentendida ética, quérese traballar no sistema público porque se ten unha impresión dás empresas como cohartadoras de liberdade e autonomía profesional, un de tantos mitos cós que nos formamos coma investigadores.

O problema de converter ós investigadores en funcionarios da ciencia é que adoecen entón dos mesmos problemas que á Administración Pública, lentitude no recambio, inmobilidade e amiguismo, ou dito doutro modo endogamia. E a endogamia existente atopa o xeito de circunvalar as supostas leis de control da contratación. É dicir o sistema de contratación de persoal investigador presenta unha clara falta de autocrítica vinculante. Chama moito a atención cando se traballou en universidades como a de Londres ou a de California, o número de controis e auditorías ás que se someten estas universidades para lograr a excelencia e non só nacionais coma poida ser a nosa Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA) senón auditorías externas e internas (polos alumnos) para valorar a súa calidade. Esta capacidade de asunción da crítica é algo que nos pareza básico para lograr excelencia. E non só a asunción da crítica senón a corrección dos erros ou a mellora dos déficits, moitas veces a costa de multas importantes e mesmo o peche do laboratorio ou departamento se non se cumpre. Sendo estes controis levados a cabo a todos os niveis, dende os catedráticos e directores de laboratorio ate os técnicos de laboratorio pasando por estudantes, posdoctorais e contratados de todo tipo.

É que cando falamos de cartos e de traballo sempre temos un problema que é esta sensación universal de que hai que controlar á xente para que produza o mellor posible. Non a todo o mundo, por suposto, nin se queira á maioría, pero si a unha minoría de xente que vive de subvencións ou facendo un traballo con financiación pública e non cumpre coas súas obrigas como traballador de forma impune xa que non hai basicamente controis fiábeis de calidade.

Cómo, polo tanto, se pode fomentar/crear un sistema de auditorías externas á universidade, externas tamén ó país, con conclusións vinculantes?

Aproveitemos a nosa pertencía a cousas coma o Espazo Europeo de Educación Superior pra obter críticas (auditorías) construtivas de expertos estranxeiros completamente desvinculados có sistema, que aporten outra maneira de ver as cousas, unha experiencia importante e a ausencia de amizades comprometidas dentro do sistema avaliado.

Sen sacar as cousas de contexto, que en Galicia faise investigación e faise boa investigación o que pasa que estase a facer a costa do traballador da investigación, e non só a costa da economía (bolseiros e non bolseiros que traballan sen cobrar, postdoctorais que traballan horas extra sen cobrar, salarios ilóxicos pra a formación dos investigadores aínda que dentro da media nacional) senón tamén da saúde mental do investigador que se atopa despois de moitos anos de esforzos nunha situación de incertudume próxima ao desvalemento aprendido, faga o que faga quédase fora das listas de traballo, do país, do mercado laboral.

Pero é que ademais en Galicia non se favorece particularmente a creación de empresa, sendo  España un dos países occidentais con máis trabas e gastos á hora de abrir empresa. Como se trata noutro dos apartados deste coloquio é sen dúbida prioritario educar ás novas xeracións de científicos pra emprender, todo o contrario do que se nos ven educando nos últimos anos e á sociedade e a clases política pra favorecer de verdade o emprendemento.

O máis triste da famosa frase de Don Miguel de Unamuno «¡Qué inventen otros!» é que non se pode aplicar á realidade galega porque investigar e inventar, o facemos nos, só que moitos non o facemos en Galicia e os beneficios en xeral non fican en Galicia. E non é un problema só da presenza física dos investigadores no país respecto á fuga de cerebros, senón da fuga das ideas, das ideas de investigación que se publican (dende Galicia ou por galegos fora de Galicia) e que son outros quen explotan as súas posibilidades prácticas e económicas.

É a nosa impresión que a investigación en Galicia está dalgunha maneira mal xestionada, mal xestionada dende dous puntos de vista, ó do valor económico da investigación e o dá valoración social da investigación. As veces non teño claro si debemos falar do valor da investigación ou do valor que hai que ter para adicarse a ela.

E así nos preguntamos ¿cómo se pode promover un márketing da ciencia que mostre unha idea real do científico, desmontando mitos urbanos como ó do científico solitario? O científico precisa apoio político e social pra desenrolar o seu traballo adecuadamente.

Cómo sacudirnos a idea de que Galicia é unha terra de poetas? Vale, asumimos que temos grandes escritores, pero non temos peores científicos.

Cómo desmontar o mito da carreira científica como vocación, asumindo a vocación coma sacrificio?

Un dato inquedante que puidemos observar nas estatísticas do INE foi no referente á mobilidade internacional, entre 2000 e 2009 o 21,2% dos doutores marcharon de España o 58,6% deles fixérono por motivos académicos e de progresión da súa carreira investigadora, entre o 12,5% de doutores que a 31 de decembro de 2009 pensaban irse de España o 71,0% facíao polos citados motivos. Nembargante, os que regresaron a España fixérono principalmente (37,7%) por factores persoais ou familiares. É dicir, traballadores altamente cualificados deixan España e Galicia pra mellorar o seu curriculum pero retornan por morriña. E isto é bastante incomprensible habendo como hai centros de investigación de alta competitividade e grupos de recoñecido prestixio.

Unha das cuestións que se fai moita xente nos momentos de crise, cando se fala de recortes presupostaraos é: “A investigación científica é un luxo ou unha necesidade?” E a resposta depende grandemente do que un considere luxo. Na prehistoria era un luxo ter unha caverna quente na que abrigarse polas noites, nos anos 30 era un luxo ter unha radio. O concepto de luxo como algo superfluo non pode aplicarse á investigación porque lonxe está de ser superflua, mesmo o arado arrastrado por bois foi sen dúbida froito do cerebro, a observación e o inxenio dun investigador da natureza.

Sen dúbida na maior parte dos países é un luxo facer investigación, de feito, tamén é un luxo ir á escola, é un luxo ter unha educación superior, é un luxo non padecer raquitismo ou malaria ou cólera, é un luxo ter liberdade, é un luxo poder dicir o que un pensa... É un luxo a investigación en Galicia? Se tomamos o sentido de luxo como “demasía de cousas innecesarias” obviamente a investigación non é un luxo, todo o contrario a súa escasez fai que aínda que non fose necesaria non podería aplicárselle esta definición, se consideramos luxo como “todo aquilo que supera os medios de alguén pra conseguilo” polo que se ve a investigación si que é claramente un luxo. Nembargantes é un luxo necesario. Polo tanto e aténdenos á esta última definición o importante é atopar os medios pra facer que deixe de ser un luxo pra converterse nunha realidade.

Se nos poñemos dramáticos, case todo na vida é prescindible, a supervivencia só precisa de comida e auga, nin sequera a casa é algo necesario. Mais como sociedade pensamos que non podemos prescindir da investigación. Outra cousa é a valoración que esta mesma sociedade fai da financiación da investigación científica e dos investigadores e como este inflúe nas decisións lexislativas. Como sociedade precisamos da investigación pra seguir sendo a sociedade que somos.

Curiosamente e a modo de exemplo, nun estudo sobre transferencia de coñecemento publicado no 2004 (1) no que estudaban a produtividade de 87 investigadores cun promedio anual de publicación de artigos de algo máis de 3, atopamos datos cando menos sorprendentes que comezan a desmontar algúns dos mitos que existen facendo referencia á rendibilidade da investigación en España e maiormente á investigación básica. Curiosamente aínda que España é un pais claramente deficitario na petición de patentes, en patentes estadounidenses solicitadas na US Patent and Trademark Office (USPTO) entre 1980 e 2000, 214 patentes (76,2% con titulares residentes nos EEUU e só un 17,3% con titulares residentes en Europa) citan artigos de algún dos autores  españois estudados. Si consideramos ás patentes como un índice de estimación do valor económico de retorno da investigación parece bastante evidente que a investigación española pode ser lucrativa.

Outro dos grandes mitos na financiación da investigación é que se tende claramente a favorecer os proxectos que teñen unha aplicación, (no campo da biomedicina, por exemplo cara unha enfermidade) en detrimento da investigación básica. A xustificación pra esta discriminación positiva da investigación aplicada fronte a básica é que esta última non é rendíbel. Este é un dos grandes mitos ó respecto, se consideramos que no citado traballo sobre patentes, curiosamente o 99% destas citas de artigos “españois” eran de investigación básica e non aplicadas. A nos parécenos que este é un índice claro de que un dos maiores problemas que ten o sistema actual é que xera un fluxo de coñecemento dende España (e polo tanto tamén dende Galicia) cara o exterior que si aproveita ás nosas ideas. Tamén unha “fuga de cerebros”, pero iso podería ser beneficioso se fósemos capaces de atraer cerebros pola nosa banda.

A falta de rendibilidade da investigación básica é un mito, ou se cadra una falacia temporal. A investigación básica non é só rendible senón imprescindíbel pra poder atopar aplicacións, o que ten é que é lenta. Por poñer un exemplo que ilustre o tema, en 1827 Robert Brown publicou un artigo describindo cómo os graos de polen moven na auga, cun movemento que actualmente chamase Browniano e que tivo importantes repercusións en ámbitos académicos diversos. Era sen lugar a dúbidas un traballo de investigación básica. De primeiras quén pode pensar que o movemento do polen na auga pode ter unha aplicación práctica ou un valor económico. Mais este artigo axudou a sentar as bases para unha tecnoloxía que faría, literalmente, tremer o mundo enteiro, move inmensas cantidades de diñeiro e que tivo aplicacións prácticas como os raios X ou a tomografía por emisión de positróns (PET). Xa que en 1905 e 1906, de forma independente Albert Einstein e Marian Smoluchowski baseándose neste traballo describiron a formulación matemática que xustificaba a existencia do átomo, en 1911 Rutherford demostrou a existencia do átomo e polo tanto sentaron as bases da física cuántica e o estudio dos elementos que compoñen ós átomos, os elemento básicos non tan indivisíbeis que compoñen a materia.

Esta dicotomía de financiación da investigación aplicada respecto a básica ten unha consecuencia lamentable pero real; moita xente dirixe os seus proxectos ao que os avaliadores consideran “financiable” na moda do momento pero moi a miúdo despois usan o diñeiro pra financiar as partes básicas do proxecto que non poden realizar doutra forma, é dicir como a soa mención do nome dunha enfermidade no proxecto faino automaticamente máis financiable, úsase esta enfermidade como escusa cando moitas veces nin se pretende estudar nin interesa particularmente no laboratorio. A parte positiva deste problema é que hai xente que non se plantexaría doutro xeito estudar estas “enfermidades” e faino pra lograr financiación, a parte moi negativa é que se derivan os fondos pra estudar outras cousas e moitas veces non se cumpren os obxectivos propostos respecto á parte aplicábel do proxecto. E normalmente non hai repercusión nas novas financiacións do laboratorio sempre e cando haxa publicacións de “calidade”, sendo calidade publicar en revistas con factor de impacto (índice usado pra valorar o número potencial de lectores) maior de 4. É polo tanto a nosa opinión que a investigación científica en Galicia precisa desenrolar e favorecer a autocrítica e as auditorías de control e calidade e de obxectivos.

Curiosamente dós artigos citados nas patentes estadounidenses do traballo anteriormente citado só un 20% corresponde a artigos publicados en revistas como Science ou Nature e un 43% dos artigos estaba publicado en revistas con factor de impacto menor de 4. É dicir a ciencia produtiva e con aplicación “económica” non ven necesariamente das revistas top ten pero en España ó curriculum investigador dós investigadores valórase basicamente por isto restándolle importancia ós coñecementos e á experiencia dos traballadores da ciencia. Convertendo a contratación de investigadores nun trámite máis, unha oposición pra funcionariado e non na busca dos mellores e máis brillantes que non necesariamente teñen que ter publicacións en revistas con factor de impacto maior de 4.

Os sistemas de contratación de investigadores cambia nos distintos países. Obviamente pra obter excelencia, esa verba que hoxe en día está espallándose coma o lume en tódolos ámbitos da sociedade, pra obter excelencia é absolutamente necesario ser excelente, e iso vai máis aló que meramente evitar a fuxida de cerebros, a excelencia tradúcese en atraer cerebros. Xente que queira vir non só porque este é o seu país senón porque lle supoña un reto profesional. E esta é unha das grandes diferenzas con universidades como a de Oxford, a obtención dunha masa crítica de mentes brillantes e a xeración dun biótopo con chuvia de ideas, un “brainstorming” do que xurdan as ideas que se traducen en valores económicos.

Da mesma maneira, hai varias diferenzas entre as universidades e centros de investigación públicos españois e doutras partes do mundo respecto á financiación. Unha básica é o nivel de financiación privada en forma de axudas, contratos, mezenazgos e mesmo inversións no mercado de valores. E tamén chama poderosamente a atención o número de patentes e spin offs que se producen en universidades de tamaños similares si comparamos unha universidade galega con outras universidades de excelencia como podería ser a Universidade de Oxford. Así no 2009 a Universidade de Oxford, que en termos de número de estudantes é comparábel coa de Santiago de Compostela, desenrolou 220 patentes fronte ás 24 desta última.

Obviamente algo estamos a facer mal. Máis aínda a nivel do Estado Español, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) cos seus diversos centros de investigación ten 180 patentes no 2009, 40 menos que só a Universidade de Oxford, considerablemente máis pequena. Tamén nos resulta curioso que a pesares da descrición no informe annual do CSIC do número de patentes, cando publica os seus presupostos non se indican os ingresos obtidos por patentes ou por participación na creación de empresas. Haber hai patentes ou polo menos xente que patenta cousas que obtén da súa investigación, e crear créanse empresas, poucas e pequenas, pero créanse, entonces, por que non é lucrativo para ós centros que o promoven.

Pero queremos falar dende a realidade e non dende a teoría da creación de empresa. Na universidade e nos centros de investigación é unha práctica, non diremos habitual pero si demasiado frecuente a da picaresca das spin-off. Queremos dicir con isto que se corrompe a idea orixinal da spin off como unha empresa que nace dos coñecementos creados na universidade e que dalgún xeito repercute positivamente na universidade, unha práctica común é a participación da mesma con accións. O centro de investigación corre un risco pero recibe un beneficio. Sen embargo moi a miúdo o que se fai é poñer como cabeza da spin off a un bolseiro ou recente doutor do laboratorio e non o xefe do mesmo. A nova empresa “desvincúlase” da universidade e polo tanto goza de tódolos privilexios sen ningún risco; os participantes non teñen que buscar financiamento porque teñen axudas, o material e os aparatos cóllense da universidade, o local tamén se toma da universidade e mesmo a man de obra obtense dos bolseiros que no mellor dos casos teñen unha beca pra traballar, así se a empresa fracasa non se perde nada, pero si a empresa vai ben os beneficios quédanlles a eles e a universidade ou centro de investigación en realidade non percibe nada.

Seguramente se nos pode discutir que non é así como funcionan as spin offs e sobre o papel teríamos que estar de acordo, pero estamos a falar do mundo real. O mesmo pasa coas patentes que son pagadas pola universidade pero reverten moi poucos beneficios nela, se cadra polo feito de que cando se pode patentar algo os directores de laboratorio prefiren montar unha spin off e patentalo dende alí, saltándose á universidade ou o centro de investigación no proceso. Nembargantes, as patentes e a creación de empresas noutros países como EEUU ou UK está demostrando ser un medio bastante lucrativo de financiar á investigación científica. Parécenos polo tanto que habería que axilizar as leis de propiedade intelectual, potenciar que se patente dende os centros de investigación e favorecer a participación económica dos centros de investigación en empresas de nova creación.

Cómo se pode beneficiar a universidade pública española das spin-off e as patentes producidas polos seus traballadores?

De feito, a investigación científica en España está maioritariamente financiada por diñeiro público en contraposición a países coma os EEUU nos que se recebe tanto investimento privado como se xenera a entrada de diñeiro por servizos ou participación en empresas. Polo tanto parécenos que é importante atopar modelos que permitan a financiación privada da investigación en centros públicos e incentivar a creación de institutos de investigación privada. O problema moitas veces é que cando queremos ser proactivos na financiación da nosa investigación non sabemos como ou é complicado. Moitas veces existe pouca comunicación coas OTRIs das universidades ou se teme a perda da propiedade intelectual das patentes, ou simplemente patentar algo en España require que non sexa publicado de ningunha forma con anterioridade, isto xunto coa lentitude do sistema de patentes e coa necesidade curricular dos científicos de ter publicacións tódolos anos leva a unha desconfianza ante calquera colaboración con industria ou empresas privadas.

Cómo se pode atraer investimento privado á universidade pública e ós centros de investigación?

En conclusión, é un luxo a investigación? Non. Pero é necesario dende o noso punto de vista unha revolución radical social, política e académica do sistema galego de xestión da investigación dirixido a valorar á investigación polo que é; un recurso. Un recurso que actualmente está moi pouco utilizado e valorado.

(1) Luís M. Plaza, Armando Albert
 (2004) “ANÁLISIS DE LA PRODUCCIÓN CIENTÍFICA
 ESPAÑOLA CITADA EN PATENTES BIOTECNOLÓGICAS
 EN EE.UU” Rev. Esp. Doc. Cient., 27, 2: 212-220
(2) Nota de prensa del INE, “Encuesta sobre Recursos Humanos en
 en Ciencia y Tecnología Año 2009” (4 de octubre de 2010) / www.ine.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario